3, febreiro de 2013.
Hoxe está de aniversario unha das persoas máis importantes na miña vida. Un entusiasta que ten máis ganas ca ninguén de coller a vida por diante. É quen sabe e me ensinou que por moi mal que se poña todo "nunca choveu que non escampara", e que nunca teña medo de pórme adiante cos meus proxectos xa que "leira empezada medio traballada" e que lle poña ganas porque "pro bo traballador non hai ferramenta mala" e que non me despiste do meu camiño porque podo "estar na horta e non ver as berzas" e aproveite ben o tempo, non faga como a "ovella que bala, bocado que perde", que por moi difícil que sexa todo lembra que "o palleiro non se fai sen palla" e que "facendo e desfacendo a costureira vai aprendendo." E veña, que "o comer e rañar éche cousa de empezar". Pero tamén, ollo, coa humildade vaise a moitos máis sitios que "o diñeiro mal ganado, entra pola porta e sae polo tellado".
Pero que tampouco me esqueza do máis importante "desfruta, come e bebe ca vida é breve."
Xa se sabe que "de tal pao tal astilla".
Moi felices 55, papá. Que sexan outros 55 -mínimo- ao noso carón e máis felices ca nunca.

